A 15 días do inicio do festival, Río Verbena presenta un ano máis as súas Sesións Verbeneiras, a antesala musical coa que a cidade de Pontevedra comeza a quentar motores para unha das grandes citas do verán. Xunto a isto, o festival abre tamén as pre-recargas cashless, que chegan con promocións especiais tanto da organización como de ABANCA Live.

Concertos gratuítos os días 18 e 19 de agosto na Praza Méndez Núñez
As Sesións Verbeneiras celebraranse os días 18 e 19 de agosto na histórica Praza Méndez Núñez, converténdose nun punto de encontro previo ao festival, que terá lugar os días 21 e 22 de agosto na explanada do Recinto Ferial de Pontevedra.
O martes 18 de agosto ás 20:00 h, abrirá a programación Desconcerto, dúo formado por Valentín Dacova e Óscar Lope, coñecido polas súas reinterpretacións de clásicos desde os anos 60 ata hoxe, ademais dos seus temas propios. Un inicio perfecto para poñer banda sonora ao centro da cidade.
O mércores 19 de agosto, a partir das 19:00 h, chegará unha sesión dobre con:
- Mamasunción, banda pontevedresa de rock alternativo liderada por Tincho Martínez, que levará á praza os seus riffs e a súa enerxía salvaxe.
- Four Passengers, catro músicos de alma nómada que reivindican a maxia da música en directo a través dos grandes clásicos do soul e do rock.
Dúas tardes-noites de música aberta á cidade, pensadas para ir entrando no espírito do festival.
Un festival que combina grandes nomes e novas voces
Río Verbena celebrará a súa quinta edición os días 21 e 22 de agosto, cun cartel que reúne artistas como Love of Lesbian —nun dos seus últimos concertos antes da súa despedida indefinida—, Siloé, Xoel López, La La Love You, ademais de proxectos emerxentes como Sarria ou Sanguijuelas del Guadiana.

Pre-recargas cashless con saldo extra: promocións de Río Verbena e ABANCA Live
O festival acaba de abrir as pre-recargas cashless, que inclúen saldo extra tanto por parte de Río Verbena como de ABANCA Live.
Para todas as persoas que realicen pre-recargas de:
- 50 € → bonificación de 5 € de Río Verbena + 5 € de ABANCA Live
- 100 € → bonificación de 10 € de Río Verbena + 10 € de ABANCA Live
As promocións estarán dispoñibles ata o 16 de agosto ás 23:59 h, e a bonificación de ABANCA Live aplicarase ás 200 primeiras pre-recargas realizadas con tarxetas de crédito ABANCA.
ABANCA lembra que estas bonificacións constitúen unha ganancia patrimonial suxeita a IRPF. As bases legais poden consultarse en abanca.com/es/abanca-live/.
Debe estar conectado para enviar un comentario.