Hijos de la Ruina fan tremer o IFEVI na súa agardada volta a Vigo

Despois de catro anos sen pisar a cidade —desde aquel recordado concerto en Castrelos no verán de 2022—, Natos, Waor e Recycled J volveron atoparse coa súa xente en Galicia. O trío madrileño escolleu o IFEVI de Vigo para a penúltima parada da súa xira antes de poñerlle o peche en Málaga, convertendo o recinto nunha auténcia festa. Nin o caos de tráfico nos accesos nin o movemento dunha cidade xa metida de cheo no ambiente do Nadal impediron que milleiros de persoas ateigasen o pavillón. Dende o primeiro minuto quedou claro que non ía ser unha noite calquera.

O show arrincou mirando ao presente, tirando do seu último traballo, Hijos de la Ruina Vol. 4. Temas recentes como Otra vez, Bajo Zero ou Los niños del barrio abriron a lata e demostraron que o material novo encaixa de marabilla no seu directo. Houbo un pequeno contratempo técnico ao principio, pero o grupo nin se inmuntou: colleron velocidade de cruceiro ao instante e Recycled J aproveitou o momento para agradecer o agarimo que Galicia sempre lles deu desde os seus inicios. A partir de aí, a noite converteuse nun repaso pola súa historia compartida, mesturando o novo con auténcitos himnos como La trampa, Kilómetro Zero ou Pierdo el control, que puxeron a berrar tanto aos veteranos das primeiras maquetas como á rapazada que medrou escoitando os seus temas.

Un dos puntos máis destacados da noite chegou coa estrea en directo de Mi vida, a súa recente colaboración con Morad que viña rodeada de polémica nas redes sociais. Lonxe de esquivar o tema, Waor colleu o micro para lanzar unha mensaxe directa e rotunda contra o racismo. O público respondeu cunha das maiores ovacións da velada, deixando claro que a bancada estaba totalmente do seu lado.

Na recta final a intensidade subiu aínda máis coa tralla de Más alcohol ou Oveja negra, antes de dar paso a un bloque onde cada un puido defender o seu propio camiño en solitario. Neste tramo, Recycled J puxo o pavillón a botar con Bambino, mentres que Natos e Waor rescataron a mítica Cicatrices. Pero antes de soltar Sudores fríos, Natos tirou de morriña e emoción para lembrar as súas raíces galegas: falou do seu avó de Lugo, dos vínculos da súa familia con Vigo e lembrou entre risas aquela primeira vez que actuaron en Galicia diante de apenas catro gatos.

Para poñerlle o broche final a unha noite redonda, os tres volveron xuntarse sobre as táboas para despedirse con Madriz. Vigo respondeu con nota e Hijos de la Ruina confirmaron por que, máis dunha década despois de empezar como un proxecto entre colegas, seguen a ser os reis indiscutibles do urbano estatal. Máis alá dos números ou dos recintos cheos, o seu segredo segue a ser o mesmo de sempre: facer cancións de verdade coas que a xente se sinte totalmente identificada.

Galería de Fotos completa no noso Facebook

Por Solirock

Descubre más desde Turismo Verde de Galicia

Suscríbete ahora para seguir leyendo y obtener acceso al archivo completo.

Seguir leyendo