O concerto naceu fóra de guión e rematou deixando unha impresión tan sólida, que o balance só pode ser entusiasta. Rufus T. Firefly saíu do MARCO coa autoridade intacta de quen domina o seu oficio e respecta ao oínte en cada decisión artística.


A elegancia da súa proposta, xunto coa calidez dunha despedida de xira vivida sen artificios, converteu a velada nun dos momentos máis inspirados do Underfest Xacobeo.


Hai noites nas que os plans se alteran sen previo aviso e chegan agasallos, instantes, neste caso, sonoros…Iso sucedeu o venres 13 de novembro de 2026, no Museo de Arte
Contemporánea de Vigo; no MARCO, produciuse un encontro,- xa dentro de cartel-, imprevisto e celebrado pola propia banda.


Rufus T. Firefly compareceu transformando o tempo desde os primeiros compases nunha demostración de oficio, versatilidade e talento. A formación confirmou en Vigo por que ocupa un lugar tan singular na escena actual: o dunha banda de cultoque soubo construír un son propio, sutil eperfectamente definido, capaz de converter un espazo museístico nun refuxio para a música.


“Unha noite de culto no Underfest”


O festival arrincaba coa súa primeira xornada, despregando oito concertos en distintos espazos de Vigo e converténdo o centro nun circuíto vivo para a música independente.

Nese mapa de propostas simultáneas, a quenda de Rufus T. Firefly no MARCO estaba fixada ás 20.45 horas, un horario temperán que tivo que ser axustado, en minutos, á chegada do público doutros concertos.


A peculiaridade do Underfest está na súa propia e complexa organización: varios lugares interiores e salas convértense en recintos, con aforo limitado; de modo que o público escolle que ver e percorre o circuíto, gozando deste formato, pouco convencional. Lógrase así un ambiente próximo entre os músicos e o público, impensable nun gran festival.


O de Rufus T. Firefly tratábase, en efecto, dun concerto inesperado. A organización do festival chamáraos hai pouco tempo e a banda non contaba con este bolo na súa axenda.


A súa xira actual serve para despedirse de «Todas las cosas buenas», o seu oitavo álbum de estudio, publicado o 25 de abril de 2025 e recoñecido como Mellor Disco Nacional nos Premios Ruído.

Este concerto, en Vigo, foi parte dese adeus paulatino ao seu último traballo e o grupo esperaba vivir unha noite bonita. A resposta do directo estivo á altura dese desexo, nun peche de etapa memorable.


O repertorio propuxo unha viaxe por territorios diversos, funcionando como un mostrario completo do que saben facer. Houbo espazo para un lado máis rock, outro máis folk e outro máis electrónico… Cos anos, a banda logrou un son moi seu, un terreo no que, afirman, están moi a gusto.


Cando soou «Canción de paz», quedou patente esa arquitectura sonora construída por capas. A sensación que permanece é a dunha banda en plena madurez creativa, fiel a un estilo propio que non precisa estridencias para impoñerse.


Queda agora o desexo xenuíno de gozar coa mesma intensidade do seu próximo traballo cando chegue o momento de abrir un novo capítulo.


E queda, sobre todo, a esperanza de reencontralos pronto en Galicia, para volver a gozar en directo desa maneira tan persoal de entender a música.


E Julia, non deixes de cantar!

Por Ana Celia

Descubre más desde Turismo Verde de Galicia

Suscríbete ahora para seguir leyendo y obtener acceso al archivo completo.

Seguir leyendo