OUR FEST abre o seu quinto capítulo en Expourense e prepara unha nova noite para a historia

O OUR FEST volve abrir as portas en Ourense e faino cun novo capítulo que consolida a súa identidade dentro do circuíto alternativo. A quinta edición celebrarase o sábado 19 de setembro en Expourense, cun cartel que se desvelará proximamente e que promete manter o nivel dunha programación que, en apenas catro edicións, xa reuniu unha parte esencial da historia recente do pop, o rock e a electrónica alternativa.

As entradas están dispoñibles en ataquilla.com por 40 € + gastos de xestión.

Un festival que puxo Ourense no mapa das grandes xiras

Desde a súa primeira edición en 2022, OUR FEST naceu coa vontade de incorporar Ourense ao mapa das grandes xiras internacionais e achegar a Galicia bandas que non adoitan formar parte dos circuítos habituais. A fórmula foi clara: unha única xornada, un recinto cuberto e unha programación coidada, pensada para gozar dos concertos como protagonistas absolutos.

Por Expourense pasaron figuras fundamentais da escena británica como Primal Scream, Belle and Sebastian, Suede, Kula Shaker, Teenage Fanclub ou Happy Mondays; artistas como Baxter Dury, Jake Bugg e Miles Kane; bandas que marcaron o presente do rock alternativo como Shame, Yard Act ou Viva Belgrado; e propostas galegas e estatais como Grande Amore, León Benavente, Los Enemigos ou Melenas.

Mercury Rev na pasada edición do Ourfest

Un percorrido que permitiu ao festival medrar sen perder a súa esencia: tecer unha historia musical propia, conectando artistas de culto, bandas fundamentais e novas voces ante un público chegado de Galicia, do resto do Estado e do norte de Portugal.

Un impacto que vai máis alá da música

A cuarta edición reuniu 3.000 persoas en Expourense e coincidiu cunha ocupación hoteleira próxima ao 90 % na cidade. Un dato que confirma o crecemento da cita e a súa capacidade para converter a música en movemento cultural, turístico e económico para Ourense.

OUR FEST é, hoxe, un festival recoñecible pola súa personalidade: non busca acumular nomes, senón construír un relato. Unha experiencia que combina coidado, selección e unha aposta clara polo directo como espazo de encontro.

Quinta edición: unha nova historia por escribir

O cartel de OUR FEST 2026 darase a coñecer nas próximas semanas, mantendo a expectativa dun público que xa sabe que cada edición trae consigo unha proposta singular e diferente.

As entradas para esta quinta edición están dispoñibles en ataquilla.com, cun prezo de 40 € + gastos de xestión.

Por Solirock

Descubre más desde Turismo Verde de Galicia

Suscríbete ahora para seguir leyendo y obtener acceso al archivo completo.

Seguir leyendo