Tanxugueiras está de celebración. Despois dunha década transformando a música galega e converténdose nun fenómeno cultural dentro e fóra do país, Sabela Maneiro, Aida Tarrío e Olaia Maneiro anuncian o seu regreso á Coruña cun concerto que marcará un novo capítulo na súa traxectoria. O 17 de outubro, o Coliseum acollerá a única data en Galicia da xira de presentación do seu cuarto álbum, O Cuarto.
As entradas sairán á venda mañá, 4 de marzo, ás 12:00 horas, exclusivamente a través da web oficial de Tanxugueiras.
Un concerto único para celebrar dez anos e abrir unha nova etapa
A cita no Coliseum non será un concerto máis. Será un encontro exclusivo, deseñado para celebrar os dez anos do trío enriba dos escenarios e, ao mesmo tempo, para estrear en directo no país o seu novo traballo discográfico.
O Cuarto, producido xunto con Iago Pico e Gabi Fernández, representa unha evolución clara na proposta das Tanxugueiras: un son máis maduro, máis expansivo e máis conectado coa súa identidade. O álbum reafirma o seu compromiso coa lingua e co folclore galegos, piares que sempre definiron o seu proxecto, pero faino desde unha perspectiva renovada, aberta e contemporánea.

O regreso ao Coliseum: un lugar que xa forma parte da súa historia
Volver ao Coliseum ten un significado especial. En decembro de 2023, no peche da Xira Diluvio, Tanxugueiras fixeron historia ao converterse no primeiro grupo galegofalante en colgar o cartel de “sold out” no recinto, reunindo preto de 9.000 persoas nunha noite que quedou gravada na memoria colectiva.
A cita de 2026 promete recuperar esa intensidade: un reencontro co seu público máis fiel e con todas as persoas que se foron sumando ao longo destes anos, nun espazo que simboliza o crecemento e a dimensión cultural do trío.
Unha noite para compartir, celebrar e mirar cara adiante
O concerto do 17 de outubro será moito máis ca unha presentación discográfica. Será unha noite pensada para emocionarse, cantar, celebrar e abrir unha nova etapa para un grupo que revolucionou a música galega e que continúa ampliando fronteiras sen perder a súa esencia.
TANXUGUEIRAS · PRESENTACIÓN DE O CUARTO
17 de outubro de 2026 Coliseum da Coruña Única data en Galicia Entradas á venda o 4 de marzo ás 12:00h en tanxugueiras.com
Debe estar conectado para enviar un comentario.