● Seis concertos nun único escenario durante máis de oito horas, sen solapamentos e con Albert Petit DJ mantendo o pulso musical ata a madrugada. ● The Dream Syndicate, The Jesus and Mary Chain, The Mystery Lights e Fat Dog protagonizaron algúns dos momentos máis intensos da noite, con aparición sorpresa de Isa Cea xunto aos irmáns Reid. ● O festival contou co apoio da Xunta de Galicia a través da Axencia Turismo de Galicia, no marco dos Concertos do Xacobeo, da Deputación de Ourense, así como coa colaboración do Concello de Ourense e Expourense.

OUR FEST asinou unha edición histórica en Expourense. Máis de 3.000 persoas viviron unha noite que transformou o recinto nun espazo onde pasado e presente da música alternativa conviviron sen fronteiras. A partir da unha da madrugada, Fat Dog puxeron patas arriba o festival cunha explosión de electropunk, techno e cultura rave que converteu o peche nunha auténtica pista de baile.
A xornada comezou ás 17:00 horas coa apertura de portas e o directo de Germán Salto, que levou ao escenario o son orgánico e luminoso de Ojo de bife. Sen ruptura, pero con intensidade, Triángulo de Amor Bizarro recolleron o testemuño cun trío que condensou dúas décadas de evolución nun repertorio onde Mi Catedral brillou con luz propia. Entre actuacións, Albert Petit DJ mantivo a enerxía cunha selección que viaxou da música negra ao punk e ao power pop.
O momento álxido da noite chegou coa única actuación en España este ano de The Dream Syndicate, que ofreceron un concerto cheo de complicidade e liberdade creativa. Sen auriculares internos e atentos uns aos outros, construíron un directo vivo, cambiante, que deixou momentos inesquecibles desde Halloween ata John Coltrane Stereo Blues.
A electricidade continuou con The Mystery Lights, que aceleraron o ritmo cunha descarga de garaxe punk e psicodelia sen apenas pausas. A súa intensidade física e sonora levou ao público a un estado de pura adrenalina.
E entón chegou un dos instantes máis especiais da edición: Isa Cea, que actuara horas antes con Triángulo de Amor Bizarro, subiu ao escenario con The Jesus and Mary Chain para interpretar Sometimes Always e Just Like Honey. Un encontro xeracional que quedará gravado na memoria do festival. A banda escocesa completou un repertorio que combinou clásicos como April Skies co presente creativo de Glasgow Eyes.

A primeira visita a Galicia de Fat Dog puxo o broche final cunha mestura feroz de electropunk, rock industrial e cultura rave que fixo desaparecer a fronteira entre escenario e público. Un peche que resumiu á perfección o espírito desta quinta edición: intensidade, risco e unha aposta clara por conectar xeracións e escenas.
OUR FEST consolida así un modelo único en Galicia: un só escenario, sen solapamentos e nun recinto cuberto, permitindo seguir toda a programación sen perder nin un só momento. Unha proposta que sitúa Ourense no mapa das grandes xiras internacionais e que demostra que existe público para unha programación esixente e transversal.
Debe estar conectado para enviar un comentario.