● Rager publica Estou na lavadora, unha versión renovada dun dos himnos máis míticos do Xabarín Club. ● O lanzamento chega tras un verán no que a banda se subiu a escenarios de festivais como SonRías Baixas ou BIGOSUND Pontevedra. ● A reedición conecta xeracións e reivindica o legado cultural do rock bravú.
Rager celebra o verán por todo o alto coa estrea de Estou na lavadora, unha homenaxe en clave actual ao clásico de O Caimán do Río Tea. A banda pontevedresa revisita este himno xeracional mantendo a súa esencia, pero imprimindo o seu propio carácter, nun exercicio de memoria colectiva que reivindica o impacto do Xabarín Club na cultura galega.
O grupo chega a este lanzamento tras un verán fulgurante, no que se consolidaron como unha das propostas máis prometedoras da escena emerxente galega. A súa presenza en festivais como SonRías Baixas ou BIGOSUND Pontevedra deixou claro que Rager é unha das bandas chamadas a liderar o futuro do rock e do punk galego.
A conexión co Xabarín Club é persoal: malia a súa xuventude, todos os integrantes de Rager medraron co programa e coas cancións que marcaron a infancia de milleiros de galegos. Por iso, reconstruír Estou na lavadora foi un proceso natural, fluído e cheo de respecto pola peza orixinal.
Esta versión naceu arredor do documental Bravú XXX, producido por Nós Televisión, que celebra os 30 anos do rock bravú. Rager foi a banda encargada de abrir a peza, conducida por Xurxo Souto, unha das figuras históricas do xénero. A colaboración e o contacto directo con Souto e coa Orquestra Bravú Xangai reforzou a motivación do grupo e consolidou unha ponte entre xeracións.

PRÓXIMAS DATAS EN DIRECTO
26/09 · Festival Psicotroita · Sigüeiro
MÁIS SOBRE RAGER
Rager é unha das voces máis contundentes da nova xeración musical galega. Cunha mestura visceral de rock, punk e electrónica, a banda ergue un discurso propio, combativo e cheo de identidade. Representan ás xeracións que veñen, cun son que rompe co establecido e que reivindica as marxes como lugar de creación e resistencia.
Nacidos en 2022, avanzan con paso firme e xa chamaron a atención de referentes como Xurxo Souto, co que colaboraron no documental Bravú XXX. En apenas uns anos, acumulan concertos por toda Galicia e mesmo en Portugal, e este 2026 xa pisaron algúns dos festivais máis importantes do país, compartindo escenario con artistas estatais e internacionais.
Rager está actualmente a traballar no seu primeiro álbum, que verá a luz este ano e que promete consolidar definitivamente o seu nome dentro da nova fornada de bandas galegas.
Debe estar conectado para enviar un comentario.