● Na de Juan, o novo sinxelo de Silee, chega como o quinto adianto do seu próximo disco e xa está a arrasar en redes sociais, acumulando centos de milleiros de reproducións antes do lanzamento oficial. ● Madrid e Barcelona acollerán en febreiro de 2027 as primeiras actuacións do artista fóra de Galicia, dentro da xira de presentación do seu novo álbum. ● O tema súmase aos éxitos Milajros de Amil, Bruxa Curuxa, Orballo e Furancho, consolidando a Silee como unha das grandes revelacións da música galega actual.
Silee, unha das voces máis destacadas da música urbana galega, despide o verán cun novo golpe enriba da mesa: Na de Juan, unha bachata que recupera a esencia emocional da tempada estival e reivindica o orgullo de quedar no lugar de onde es. O artista de Bueu continúa así a senda de éxitos iniciada con Milajros de Amil, tema que roza o millón de escoitas e que chegou ao Top 20 viral de España en Spotify, marcando un antes e un despois na música en galego.
Este novo sinxelo chega acompañado dun anuncio moi esperado: as primeiras datas de Silee fóra de Galicia, que terán lugar en 2027 como parte da xira de presentación do seu próximo disco. O artista actuará o 18 de febreiro na sala LAUT de Barcelona e o 19 de febreiro na Sala Maravillas de Madrid. As entradas estarán dispoñibles proximamente.
Na de Juan naceu tras atopar unha canción rusa de 1997 que inspirou unha intro totalmente distinta ao que Silee fixera ata agora. O tema é unha mirada honesta ao verán vivido: concertos, festivais e, sobre todo, o pracer de volver á vila, ás festas de sempre e á xente de sempre. Unha declaración de intencións que reivindica que non é necesario marchar das raíces para construír unha vida e unha identidade artística.
O lanzamento chega acompañado dun videoclip dirixido polo propio Silee, gravado por Juan Gómez en localizacións do centro de Vigo e da serra do Galiñeiro, reforzando o carácter multidisciplinar do artista.
Con este novo adianto, Silee encara o final de 2026 como un dos nomes clave da música galega: preto dun millón de escoitas, decenas de concertos, colaboracións con artistas como Kike Varela ou Kenneth e unha comunidade en redes que non deixa de medrar.
PRÓXIMAS DATAS EN DIRECTO
18/02 – Sala LAUT · Barcelon
19/02 – Sala Maravillas · Madrid
MÁIS SOBRE SILEE
Silee é unha das grandes sensacións da música urbana galega. O seu estilo, ecléctico e fresco, transita con naturalidade pola bachata, a cumbia e outros xéneros latinos, renovándoos cunha identidade propia que está a conectar con novas xeracións de ouvintes. Cun forte vínculo coa súa terra, o artista aposta por situar Bueu e Galicia no mapa musical actual, lonxe das grandes urbes pero cunha proposta que non deixa indiferente.
Dende 2023 publicou dous EPs e un álbum, e actualmente prepara un novo traballo discográfico en galego que verá a luz este ano. Milajros de Amil, o seu primeiro adianto, foi unha das grandes sensacións de 2026, acumulando medio millón de escoitas en dous meses e entrando no Top 18 viral de España en Spotify.
Autoprodución, creatividade e unha visión artística multidisciplinar definen a Silee, que continúa elevando o seu proxecto cara novas cotas nun momento de máxima proxección.

Debe estar conectado para enviar un comentario.