● «SIMPLEMENTE» abre unha etapa máis electrónica, luminosa e directa na traxectoria da artista e produtora galega. ● O tema, composto, producido e mesturado por Candela Liste, celebra a liberdade do desexo e a naturalidade do cotián. ● O lanzamento chega tras o éxito do seu debut Caos (2025) e dunha xira nacional con máis de quince concertos.
A Coruña, 23 de setembro de 2026. O 2 de outubro, Candela Liste inicia unha nova etapa coa publicación de «SIMPLEMENTE», o primeiro single do seu esperado segundo álbum. Tras o impacto do seu debut Caos e unha xira que a levou a festivais como PortAmérica, Festival Noroeste ou Festival de la Luz, a artista abre agora unha fase máis electrónica, intuitiva e luminosa.
Inspirada pola lectura de Alan Watts e a súa obra Sencillamente así, Candela traslada ao son unha filosofía de liberación e espontaneidade. «As cancións falaban de amar, bailar, desexar, equivocarse e confiar en que iso xa é suficiente. Non fai falta entendelo para pasalo ben», explica a creadora.
Un novo son, unha nova mirada
«SIMPLEMENTE» marca un xiro respecto ao pulso orgánico e pop-rock de Caos. Sen perder a súa identidade melódica, Candela aposta por sintetizadores, texturas electrónicas e unha exploración vocal máis experimental, integrando a voz como parte activa do paisaxe sonoro. O tema foi composto, producido e mesturado integramente por ela, coa masterización de David Fernández (Amoebo).
No plano conceptual, o single é un pop directo e soleado sobre a liberdade do desexo, e supón un paso adiante na narrativa da artista ao tratar por primeira vez a súa sexualidade de forma explícita. A letra retrata a atracción desde a cotidianidade compartida, con guiños locais como Claro Boba, espazo emblemático da noite queer coruñesa.
O lanzamento chega acompañado dun videoclip dirixido por Daniela Rey Faraldo, cunha estética fresca e contemporánea que reforza a presenza feminina e a representación queer desta nova etapa.
Sobre Candela Liste
Candela Liste é unha das artistas máis polifacéticas da nova escena galega e estatal. Multinstrumentista e graduada en Publicidade e Relacións Públicas, iniciou a súa carreira con só 16 anos como guitarrista de Prexton, chegando a actuar no Womad UK en 2017. Posteriormente liderou a banda de rock Crimson and Clover, con quen xirou xunto aos estadounidenses The Last Internationale.
En 2023 iniciou o seu proxecto en solitario e, tras formar parte de Sonemerxente Galicia, publicou en 2025 o seu primeiro LP, Caos. Ademais da súa carreira solista, traballou como compositora e produtora con artistas como Carlangas, Futuro Alcalde ou Hablo Pablo, e asinou a banda sonora do filme As Tres Outras Vidas de María Santiso (2024).
Actualmente participa en Sonemerxente +, programa de acompañamento financiado pola Fundación Paideia Galiza en colaboración con AGADIC, consolidándose como unha das voces máis prometedoras da nova fornada artística galega.