● Os Firrás inauguran este xoves unha programación que acompañará a 63ª Festa do Marisco con once noites de música e 17 actuacións de acceso gratuíto. ● O ciclo revela os seus horarios e combina referentes internacionais, novas voces e formacións locais. A segunda fin de semana contará con Sanguijuelas del Guadiana, Carlos Sadness e Dorian.
A música volve tomar o Grove coa chegada dos Concertos do Marisco, que este xoves dan inicio a once noites consecutivas de programación gratuíta. A primeira fin de semana estará marcada por tres grandes nomes: Ocean Colour Scene, Sés e 9Louro, nun arranque que combina britpop, canción de autora e música urbana en galego.

A cita comeza o xoves 1 ás 22:30 horas con Os Firrás, que abrirán o escenario cun repertorio ligado á canción popular. O venres 2 ás 23:00 horas, será a quenda de 9Louro, unha das voces máis destacadas da nova música urbana en galego, acompañado por DJOW. O artista de Muros presentará Amorrer, o seu segundo traballo, onde conviven trap, electrónica e ritmos bailables.
O sábado 3 ás 23:00 horas, Ocean Colour Scene encabezará unha das noites máis esperadas. A banda de Birmingham chega ao Grove celebrando o 30º aniversario de Moseley Shoals, disco que inclúe himnos como The Riverboat Song ou The Day We Caught the Train. A noite completarase con Nanein DJ.
O domingo 4 ás 22:00 horas, Cinco en Zocas abrirán a xornada antes da actuación de Sés, que presentará o seu disco-libro Nadando na incerteza, unha proposta acústica centrada na palabra, a melodía e o compromiso coa lingua.
A música do Grove, protagonista das noites centrais
A programación reserva catro noites consecutivas ás formacións locais:
- Luns 5: @ de Viño
- Martes 6: David Chiquillo e Lote
- Mércores 7: Banda do Sequío
- Xoves 8: Caballito
Todas estas xornadas comezarán ás 22:30 horas.
A segunda fin de semana: tres grandes reclamos
O venres 9 ás 22:30 horas, Fla-Meco abrirá a noite antes de Sanguijuelas del Guadiana, unha das bandas revelación do ano coa mestura de rock, tradición e sons contemporáneos do seu debut Revolá.

O sábado 10 ás 23:00 horas, Carlos Sadness levará ao Grove o seu universo de indie pop e influencias tropicais, nunha noite que completará Manu TF DJ.
O domingo 11 ás 22:30 horas, Freshkiños e Dorian poñerán o peche ao ciclo. A banda barcelonesa, referente do pop electrónico estatal, despedirá once noites de música no recinto da festa, que manterá a súa programación gastronómica ata o luns 12 de outubro.
Os Concertos do Marisco están organizados polo Concello do Grove, coa dirección artística de i-radia Crea, e contan coa colaboración de Vibra Mahou, a plataforma musical de Mahou Cinco Estrellas que impulsa experiencias arredor do directo.

Debe estar conectado para enviar un comentario.