Muros conquistou Santiago: The Rapants firman o seu directo máis grande

O pasado 28 de marzo preto de 6.000 persoas enchían o Multiusos Fontes do Sar para vivir a posta de longo de The Rapants Club, o novo disco dos Rapants. Os de Muros querían celebralo por todo o alto… e vaia se o fixeron.


Hai dous anos quedáralles pequena a Capitol, con dous días seguidos de sold out. Desta volta tocaba dar un salto e escoller un espazo á altura do momento. O Multiusos era a aposta, e a resposta do público deixou claro que acertaron de cheo.
As colas na entrada xa anunciaban que aquilo ía ser unha festa seria. E nada máis cruzar o hall, primeira sorpresa: un grupo de mariachis recibindo á xente con rancheras, sorrisos e os primeiros coros da tarde-noite. Un inicio tan inesperado como perfecto.


A encargada de quentar o ambiente foi Ulex, que saíron ao escenario coa intención clara de poñer a tropa a punto antes da chegada dos Rapants. Xian Castro, Mónica Fuentes, Tomás Sánchez e Martinho Quintela xogaban na casa e notouse: seguidores entregados, primeiras filas vibrando e un directo que non deixou baixar o pulso nin un segundo.


E entón… estoupou todo. Os Rapants apareceron e o Multiusos entrou en modo celebración colectiva. “Sen medo” abriu unha noite chea de risas, emocións e moita festa. Soaron os 12 temas do novo disco e unha boa lista de clásicos que xa son imprescindibles nos seus concertos.


As colaboracións foron outro dos grandes momentos da noite. Galician Army subiron para “Tranquila” e “La Noche”; 9Louro sumouse en “Meu Cariño”; Sara Faro (Fillas de Cassandra) e Antía Ameixeiras (Caamaño & Ameixeiras) uníronse para un emocionante “Por que son así”; e xa no tramo final, Nuno de Grande Amore puxo o broche con “A Vida”.


O que pasou no Fontes do Sar foi moito máis ca un concerto: foi a confirmación de que estes catro rapaces de Muros son xa unha das bandas máis importantes da escena galega actual. O disco funciona por si só, pero o directo… o directo é outra liga. Forza, humor, festa e unha conexión co público que os converte en imprescindibles en calquera festival.

About The Author

Por Solirock

Descubre más desde Turismo Verde de Galicia

Suscríbete ahora para seguir leyendo y obtener acceso al archivo completo.

Seguir leyendo