Este sábado, o Recinto Feiral de Pontevedra transformouse nunha auténtica romaría, presidida pola estrela principal, Rodrigo Cuevas, pero onde tamén os demais artistas e elementos da organización brillaron con luz propia, logrando que todo transcorrese á perfección.
No recinto, os asistentes puideron gozar das barras e dos food trucks, mentres que a Duendeneta conseguiu, coma sempre, animar os primeiros bailes das persoas que pouco a pouco ían enchendo o espazo. Carlos Crespo e Kris K DJ, cunha selección de temas 100% galegos, montaron unha gran festa tanto antes como despois do concerto, demostrando por que sempre son unha aposta segura.

A encargada de abrir o escenario foi a formación Alana, integrada por Antía Vázquez (voz e pandeireta), Eloy Vidal (teclado, guitarra e voz) e Pablo Castro (percusións e gaita). Coa súa mestura única de música tradicional, pop e electrónica, conseguiron facer bailar ao público desde o primeiro momento. Este trío de Vimianzo, con seu aclamado disco debut «O xeito á cántigha», deixou claro por que se converteron nun fenómeno musical galego, consolidando o seu éxito concerto tras concerto.

Despois chegou o momento máis esperado da noite. Rodrigo Cuevas, auténtico mestre de tempos e espectáculo, conquistou por completo aos asistentes cunha festa que combinou tradición, electrónica e crítica social. O artista soubo en todo momento intercalar o humor coa crítica, demostrando un dominio único da ironía. Cantante, bailarín e artista total, Rodrigo converteuse nunha auténtica figura folclórica moderna.

O público entregouse por completo, coreando todas as cancións e saltando ao ritmo de temas como «Altri non»—un berro de crítica que, mesmo que se grite, non sempre chega á Xunta—. Cando Cuevas non quedaba satisfeito coa implicación do público, apelaba á retranca con frases como “Parecedes de Vigo”, o que inmediatamente animaba máis aos presentes.

Rodrigo estivo acompañado por un grupo de músicos e bailaríns cunha química perfecta, nun espectáculo dinámico que mantivo o ritmo sempre alto. Con música, baile, retranca e salero, o tempo pasou sen que ninguén se dese conta, e ao chegar o final, ninguén quería abandonar o lugar. O artista moveuse varias veces entre o público, creando momentos únicos para os asistentes, que gozaron da proximidade co artista.

Para pechar a noite, Rodrigo Cuevas converteu o concerto nunha auténtica rave ao lado de Chicho «Ortiga», quen subiu ao escenario para acompañalo antes de ambos baixarse a bailar entre a multitude entregada.

9xoczv
djd9qz
bqyq2x
ylj82i
aez1rb
t6uj5v
wymrf0