Após do exitoso concerto de Joseph Kepler no MARCO, a semana que vén terán lugar na Sala Radar os dous últimos directos do ciclo, cuxas entradas están dispoñibles, desde 10 euros, na web de Sinsal
Sinsal Primavera, a serie de concertos eclécticos organizados cada ano pola promotora Sinsalaudio da man do Concello de Vigo, ofrecerá a semana que vén na Sala Radar dúas novas estreas de proxectos musicais, liberados de prexuízos de xéneros, en España: a da banda inglesa Chemtrails e da belga Bombataz. As entradas están á venda desde 10 euros na web de Sinsal, mentres que o prezo no acceso da Radar será de 12 euros.
Logo da espectacular inauguración do ciclo no MARCO de Vigo o pasado 15 de abril da man do estadounidense Joseph Keckler, Sinsalaudio -promotora do Festival Sinsal SON Estrella Galicia, que este ano se celebrará do 25 ao 27 de xullo na Illa de San Simón- levará o seu Sinsal Primavera até a recoñecida Sala Radar, que acollerá dous novos debuts no territorio estatal.
A primeira cita será o mércores 30 de abril co garage punk e power pop da banda inglesa Chemtrails. Desde Manchester, e coas súas guitarras distorsionadas, sintetizadores primitivos, pop policromático e letras irónicas, o grupo liderado liderado pola activista trans Mia Lustpresentará o seu terceiro e último traballo, The Joy of Sects, o máis bailable da súa traxectoria.
O sábado 3 de maio chegará o peche deste Sinsal Primavera 2025 da man dos belgas Bombataz, unha banda peculiar cuxa paixón pola música reborda calquera clasificación: son catro músicos todoterreos que se achegan a todos os xéneros posibles para ofrecer, cun chisco de jazz, funk ou synth-hop, unha proposta única que transmite puro baile.
SINSAL PRIMAVERA
Sinsal Primavera, organizado pola promotora viguesa Sinsalaudio co apoio principal do Concello de Vigo, pretende achegar cada ano ao público a música de bandas e solistas cuxa singular proposta artística non forma parte do circuíto habitual das salas de concertos. O directos agroman cada ano coma unha rara avis no panorama galego, á fin de sorprender ás adeptas e aos adeptos a descubrir novos proxectos musicais en dous espazos creativos de referencia: o MARCO e a Sala Radar. As entradas para os últimos directos están á venda na web de Sinsal a través de Enterticket, cun prezo especial para quen faga a compra anticipada (10 euros + gastos) ; pois no despacho de billetes da Radar serán máis caras: 12 euros.
30.04.2025, 21.30h | Sala RadarCHEMTRAILS (Reino Unido)
03.05.2025, 21.30h | Sala Radar
BOMBATAZ (Bélxica)