PortAmérica xa puxo as primeiras cartas sobre a mesa para a súa edición máis especial. O festival, que en 2027 celebrará o seu XV aniversario, confirmou os primeiros artistas dun cartel que combina grandes referentes da música estatal, novas sensacións e unha forte presenza galega. A cita terá lugar os días 8, 9 e 10 de xullo na Azucreira de Portas.
Entre os primeiros nomes destacan Vetusta Morla, Rusowsky, Viva Suecia, Tanxugueiras e Siloé, un avance que deixa claro que o festival mantén intacta a súa capacidade para reunir proxectos de diferentes xeracións e sensibilidades musicais.

Un primeiro cartel que mistura presente, futuro e identidade propia
Tras o anuncio pioneiro realizado en Lingua de Signos Española, PortAmérica desvela agora os artistas que protagonizarán esta primeira fase da programación.
Vetusta Morla chegarán coas cancións de Lo Importante, o traballo que marca o seu regreso creativo tras un período de pausa. Pola súa banda, Rusowsky, unha das figuras máis influentes da nova escena urbana e electrónica estatal, fará unha das poucas actuacións previstas para 2027.
Tamén estará presente Viva Suecia, unha das bandas máis consolidadas do rock independente español, mentres que Tanxugueiras volverán levar a tradición galega a un escenario multitudinario coa forza de O Cuarto e dos himnos que marcaron a súa última etapa.
Completa o grupo de grandes cabezas de cartel Siloé, que presentará en directo as cancións de Terrorismo Emocional, un dos traballos máis persoais da súa carreira.
A eles súmanse:
- Barry B
- Mala Gestión
- RATA
- Sarria
- Igloo
- Mamasunción
Nun cartel que tamén reforza a súa aposta polos proxectos galegos e polo talento emerxente.
O ShowRocking reúne once estrelas Michelin no seu primeiro avance
A gastronomía volverá ser unha das grandes protagonistas do festival a través do ShowRocking, a cociña efémera máis grande do mundo.
Baixo a coordinación de Pepe Solla, o primeiro avance gastronómico reúne algúns dos nomes máis destacados da cociña estatal:
- Artur Martínez
- Begoña Rodrigo
- Diego Guerrero
- Francis Paniego
- Juanlu Fernández
- Maca de Castro
- Rita Llanes & Manu Lachica
- Nagore Irazuegi & Rodrigo García Fonseca
- Ricard Camarena
En conxunto, esta primeira selección suma 11 Estrelas Michelin e 2 Estrelas Verdes, consolidando unha das propostas culinarias máis recoñecidas do panorama festivaleiro.
Quince anos construíndo unha ponte entre Galicia e Iberoamérica
A edición de 2027 chega ademais cun recoñecemento especial: a declaración como Acontecemento de Excepcional Interese Público (AEIP). Un distintivo que reforza o papel dun festival que, desde o rural galego, conseguiu crear unha ponte cultural entre Galicia e Iberoamérica, expandindo o proxecto incluso a países como Colombia e México.
Abonos, buses, camping e autocaravanas xa dispoñibles
Os abonos para o XV aniversario xa están á venda en portamerica.es, así como as reservas para:
- Autobuses lanzadeira desde A Coruña, Santiago, Pontevedra, Cambados-Vilagarcía e Vigo.
- Zona de acampada.
- Aparcamento para autocaravanas.
PortAmérica inicia así a conta atrás para unha edición que promete ser unha das máis especiais da súa historia, combinando música, gastronomía, inclusión e territorio nun aniversario chamado a converterse nun dos grandes eventos culturais de 2027.

Debe estar conectado para enviar un comentario.