Alvela, o novo disco de FAIA, estará dispoñible nas principais plataformas dixitais a partir das 00.00 horas do vindeiro 23 de abril. Trátase dun traballo complexo e sutil que transita pola experiencia da maternidade, a memoria do corpo e as violencias que o atravesan, mais tamén sobre a forza que reside no íntimo, no desexo e no pracer.
Son dez os temas que conforman o LP, dos que xa se coñecen E se queres, o primeiro adianto; ademais de Dona Alvela, que parte dunha peza do romanceiro tradicional e que aborda a violencia sobre a muller no momento do parto, e Escribíache, que procede do repertorio de Erminda Miramontes. A propia FAIA foi dando a coñecer estes temas no seu perfil de Instragram a través dunhas animacións elaboradas pola artista plástica Blanca Gracia. Esta mesma mañá a creadora vén de publicar o derradeiro avance de Alvela, o arrolo tradicional Teño sono, unha peza na que a arpa sostén, coa súa rítmica, o carácter circular, case mántrico, dun canto a dúo.
O 23 de abril desvelarase nas principais plataformas dixitais o resto do disco, que sairá proximamente en formato vinilo, ata completar os dez que integran Alvela, un traballo producido por Hevi (Malandrómeda, Fluzo) e que conta coas colaboracións de Bleuenn Le Friec, Antía Ameixeiras, Antía Muíño, De Vacas ou Suelen Estar Quartet. O concepto visual do álbum foi elaborado xunto con Melania Freire e as acuarelas e as animacións que acompañan as cancións son obra de Blanca Gracia. A poeta Antía Otero acompañou na conceptualización xeral e no seguimento do proceso do disco.
As cancións de Alvela
- E se queres
- Escribíache
- Cocón
- Dona Alvela
- Mixurriña
- Totón
- O romance
- Teño sono
- Maruxiña
- Canta rola
Entradas esgotadas
O lanzamento de Alvela nas plataformas o día 23 de abril coincidirá co concerto de presentación no Teatro Principal de Santiago, un evento encadrado na programación musical de Compostela Cultura. Aínda que as entradas para o concerto están esgotadas, é posible adquirir localidades con visibilidade reducida a metade de prezo desde hoxe, 15 de abril, na Zona C -cómpre lembrar que, por mor dos festivos, só estará aberta hoxe, mañá e, de novo, o martes 22 de abril-. No caso de que non se esgoten estes boletos, o público poderá coller as últimas butacas na billeteira do teatro unha hora antes do comezo do concerto.
Na presentación pública de Alvela no Teatro Principal, FAIA estará acompañada da arpista bretoa Bleuenn Le Friec e mais do cuarteto vigués de cordas Suelen Estar Quartet, integrado por Elena Vázquez (violín), María José Pámpano (violín/viola), Macarena Montesinos (violonchelo) e Saúl Puga (contrabaixo). A proposta musical completarase co vestiario de Melania Freire e co deseño de luz a cargo de Nonon Lab.
CONCERTO DE PRESENTACIÓN DE ‘ALVELA’ | ENTRADAS ESGOTADAS
23 de abril | 20.30 h | Teatro Principal (Santiago de Compostela)
Venda de entradas con visibilidade reducida:
- Zona C · Punto de Información Cultural (15, 16, 22 e 23 de abril, 11-14 h e 16-19 h)
- Despacho de billetes do Teatro Principal (o día do concerto dende as 19.30 h)
TEMAS PUBLICADOS DE ‘ALVELA’:
- E se queres: https://open.spotify.com/intl-es/track/3jPnfLjJ2DknC6CtisdVEI
- Dona Alvela: https://open.spotify.com/intl-es/track/4TsWW5gH2ncRyh6ehhe6mH
- Escribíache: https://open.spotify.com/intl-es/track/30Fp1sHX4fbN7z3vQbxrLn
- Teño sono: https://open.spotify.com/intl-es/album/6bRsBapixkW1z8WRq6NVLP
VIDEOCLIP ‘E SE QUERES’ | https://youtu.be/vcjRdVp8bqc
