O Coliseum da Coruña converteuse nun escenario de pura maxia e enerxía coa actuación inesquecible de Lenny Kravitz no marco do festival Gozo Fest. Cunha posta en escena impresionante, unha selección musical coidadísima e unha conexión única co público, o artista neoyorquino reafirmou o seu lugar como unha das grandes lendas vivas da música.

A velada deu comezo coa actuación de Estrella Morente, que, xunto ao seu irmán Kiki Morente e a bailarina Belén López, preparou o camiño para unha noite chea de talento e emoción. A súa foi unha interpretación breve, pero absolutamente impactante, na que os asistentes puideron gozar da súa potente voz e do arte flamenco que emana cada unha das súas actuacións.
Pouco despois, chegou o momento tan esperado: a entrada triunfal de Lenny Kravitz. Con palabras que deron encher o Coliseum de calor e emoción, o músico expresou: “Galicia, Querovos moito, estou moi feliz de estar aquí convosco. Todos nós somos enerxía, somos vida, somos amor. E sodes moito para min”. E así comezou unha noite máxica que combinou o mellor do rock, do soul e do R&B.

Lenny demostrou por que segue sendo considerado un verdadeiro «Divo». O escenario, aínda que aparentemente sinxelo, estaba deseñado para destacar tanto ao artista como á súa excepcional banda. Cada canción foi interpretada coa perfección que o caracteriza, cativando ao público co seu carisma inigualable e unha enerxía que desafía os seus 60 anos. Ademais, non faltaron momentos de recoñecemento á súa banda, como a ovación para a baterista Jas Kayser, quen brillou co seu talento.
Musicalmente, a noite foi un percorrido excepcional. Desde os arranques cargados de enerxía con Bring it on e Minister of Rock ‘n Roll, pasando polos clásicos inmortais como I Belong to You, Always on the Run e Stillness of Heart, ata os temas máis recentes como TK421. Lenny guiou ao público por un espectáculo meticulosamente coidado, no que cada tema parecía superar ao anterior.

Pero o mellor estaba reservado para o final. A recta final do concerto transformouse nunha explosión de éxitos que incluíu temas como It Ain’t Over ’Til It’s Over, Are You Gonna Go My Way, Fly Away e Let Love Rule. Este último converteuse nunha celebración épica de 25 minutos, onde o artista paseou polo Coliseum, deixando momentos inesquecibles aos seus seguidores. Como broche de ouro, Estrella Morente regresou ao escenario para bailar, enchendo o recinto de arte flamenco e transformando o espazo nun verdadeiro tablao.
O Gozo Fest conseguiu unha vez máis ofrecer unha experiencia musical única, marcando unha nova páxina dourada na historia cultural de Galicia.
