Fillas de Cassandra, o dúo vigués formado por Sara Faro e María SOA, desvela o contido de Hibernarse, o seu novo EP que reflexiona, desde múltiples perspectivas, sobre o concepto do tempo. Máis aló dun disco, Hibernarse eríxese como un proxecto integral, no que música, audiovisual, artesanía e literatura conflúen nun mesmo universo creativo.
Tras dous anos de intensa actividade musical que comezou co éxito do seu primeiro álbum, Acrópole (2023), e logo de máis de cen concertos que as consolidaron no panorama galego, o grupo presenta unha obra na que aposta pola pausa e pola artesanía como respostas á vertixe da sociedade moderna.
Ao longo das últimas semanas, Fillas de Cassandra deu a coñecer algunhas das pezas que conforman este traballo: hibernarse, quebrantarse e arderse, cada unha afondando en distintas problemáticas sociais relacionadas co tempo. Este xoves preséntase feito_a_man_v1, o tema que abre o álbum e que funciona como unha declaración de intencións: un canto ao traballo manual e á autenticidade, fronte á homoxeneización e a produtividade frenética.
“Imos á moda, todo feito á man”, proclaman no inicio do tema, que busca non só defender os ritmos lentos e o coidado artesanal, senón tamén xerar un debate sobre as imposicións culturais e a súa influencia na identidade. A estrutura repetitiva e rítmica da peza reflicte o labor minucioso do feito a man, convidando á reflexión sobre o consumo e a velocidade das nosas vidas.
Hibernarse conta coa produción de Greta Ch’aska, Mumbai Moon e o propio dúo, e xa está dispoñible nas plataformas dixitais. Ademais, para os amantes do formato físico, o traballo presentarase en vinilo, que se pode reservar desde hoxe a través de Altafonte. Este virá acompañado dun fanzine, creado pola deseñadora galega Kika V. Ramil, que recolle retallos de dous anos de experiencias e creacións das artistas.
A proposta complétase cun videofilme dirixido por Santi Iglesias, Sergio ‘Steel’ e as propias Fillas de Cassandra, onde se condensa toda a esencia do proxecto. Este filme conecta a música con imaxes e deseño, visibilizando o traballo artesanal de creadores galegos como Lidia Agra, Elísabet Millán, Tomás Álvarez (666Leira) e coconutscankill, ademais das xoias de cristal de Toda Frágil.
Con Hibernarse, Fillas de Cassandra presenta moito máis ca un disco; ofrecen unha experiencia artística integral que reivindica a pausa, a autenticidade e a reflexión.