Andrés Suárez: un alma de rockeiro que lle canta ao amor

Hai quen di que un concerto de Andrés Suárez un venres pola noite é un plan aburrido. Pois mira… hai millóns de cousas máis aburridas. Ver a Andrés, en realidade, é un planazo. E máis se é 28 de agosto, noite cálida de verán, Boiro cheo de turistas apurando os últimos días de vacacións e A Pousada da Galiza Imaxinaria preparada para recibir a un dos nomes máis queridos da nova xeración de cantautores.

Un templo para a música e unha estatua que xa marca o ton

Chegar á Pousada e atoparse na porta cunha estatua dedicada a Javier Krahe é, para quen medrou escoitando La Mandrágora, un pequeno ritual. Un aviso de que a noite vai ter memoria, humor e cancións que se escoitan de verdade. Despois, Iván e Suso reciben á xente como dous anfitrións de primeira, deses que fan posible que existan lugares onde a música se coida, se respecta e se vive. Sen espazos así, artistas como Andrés non terían onde medrar nin onde curtirse.

O escenario: o mínimo imprescindible para dicir o máximo

No escenario, o básico: un piano, dous micros. Non fai falta máis. Aquí o importante é Andrés, a súa guitarra e Marino Saiz, compañeiro inseparable e metade dun tándem que funciona cunha naturalidade que se nota en cada tema.

O concerto é unha viaxe pola vida do artista, polos seus desamores —que sempre o devolven ao mesmo sitio: ás cancións— e por esa maneira tan súa de agradecer cada historia, cada ferida e cada aprendizaxe. As risas son constantes: nos comentarios, nos guiños ás seguidoras e, sobre todo, nos agradecementos aos acompañantes que, sen ser fans, fan o esforzo de estar alí. Andrés coñece o seu público e xoga con el con cariño e retranca.

Tamén lembra que tocaba na Pousada cando empezaba, facendo versións, e que máis dunha vez durmiu no banco de enfronte. A gratitude cara a Suso é continua, como quen sabe que hai lugares que lle salvaron a vida artística.

Entre risas, versos e un rockeiro que puido ser

A noite avanza sen que ninguén se decate. E antes de despedirse, Andrés regala un tema dedicado a Robe Iniesta, líder de Extremoduro, facendo un percorrido por cancións míticas da banda. E aí xorde a pregunta inevitable: Se Andrés Suárez triunfase no amor… teriamos gañado un rockeiro de primeira?

Quizais si. Quizais non. Pero o que está claro é que, tal e como é, xa gañamos un artista que converte cada historia en canción e cada canción nunha noite especial.

Por Solirock

Descubre más desde Turismo Verde de Galicia

Suscríbete ahora para seguir leyendo y obtener acceso al archivo completo.

Seguir leyendo