Xa está dispoñible d’ESCARNIO, o novo sinxelo de Fillas de Cassandra

Fillas de Cassandra publicou o pasado venres, 12 de xullo, d’ESCARNIO, o seu novo sinxelo. A peza, que xa está dispoñible nas principais plataformas dixitais, “é un ritual para desfacerse da ira”. 

Esta creación, en cuxa produción tamén participan Mumbai Moon e Greta Ch’aska, é unha sorte de cantiga actualizada que se sitúa entre a queixa satírica e un exercicio de autocrítica e introspección. “d’ESCARNIO quere dar conta do proceso longo e complexo que supón abandonar a furia e os dixomedíxomes ata acadar un canto liberador; e que esixe recoñecer e nomear o dano para deixalo ir”, sinalan Sara Faro e María SOA.

A sutileza das melodías acústicas, a agresividade dos recursos do xénero industrial e as texturas etéreas que se dilúen entre os ritmos máis tribais, vencellados á raíz, ofrecen, como resultado, un tema de corte electrónico e compacto no que a ira se revela como un espazo de forza, mais tamén de vulnerabilidade. 

d’ESCARNIO, o novo sinxelo de Fillas de Cassandra, é unha das novidades que se pode escoitar nos directos da xira Últimas Dionisíacas, na que Sara Faro e María SOA revisitan os temas do seu disco Acrópole desde unha perspectiva máis electrónica e escura. 

Vindeiras datas confirmadas das Últimas Dionisíacas

25 de xullo. O Rosal.
27 de xullo. Vilanova i la Geltrú. El Tingladu.
2 de agosto. Bueu. SonRías Baixas.
3 de agosto. Catoira. Festa Vikinga.
17 de agosto. Pontevedra. Festas da Peregrina.
19 de agosto. Pobra do Caramiñal.
21 de agosto. Ferrol. Festas San Roque.
23 ao 24 de agosto. Boimorto. Festival de la Luz.
30 de agosto. Pantón. 13 Roeis Fest.
30 de agosto ao 1 de setembro. Ponteceso. Festiletras.
13 de setembro. Vilaxoán.
Festival Revenidas.

Escoita d’ESCARNIO 

d’ESCARNIO|FillasdeCassandra

Guinden a primeira pedra os que nunca mal falaron,

levamos os pés quentiños de camiños empedrados

Caerán os nosos nomes, caerán os nosos cantos

pero antes ha caer salpedrés pra o voso espanto.

Queres ti calar? Queres, queres ti calar?(x2)

Moito andan a dicire, disque escoito marmurare

se che medra a malaherba é que non sabes podare.

Coida máis das súas iras do que coidan os amores

e así viven coa carga de pesares e de dores.

CALATI!

Queres ti calar? Queres ti calar?

Que con tanto ruído cústanos cantar.

Cústanos cantar, cústanos cantar

e se non cantamos imos rebentar.

Ailelele(x2)

Ailelelelelele(x2)

Ailelele(x2)

Ailelelelelele(x2)

Temos as chaves do ceo penduradas nos ollares

e a escaleiriña do inferno baila na liña das mans(e),

baila na liña das mans(e).

About The Author

Por Solirock

3 comentario sobre «Xa está dispoñible d’ESCARNIO, o novo sinxelo de Fillas de Cassandra»

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Descubre más desde Turismo Verde de Galicia

Suscríbete ahora para seguir leyendo y obtener acceso al archivo completo.

Seguir leyendo