Costa Feira abriu por todo o alto o ciclo “Electrolatino by Juan Magán”, unha das grandes novidades desta edición, cunha primeira noite que devolveu a Sanxenxo os himnos que marcaron a toda unha xeración. Juan Magán, Jose de Rico, Víctor Magán, Andrew e os DJ’s Electrolatino puxeron en marcha unha festa que mesturou nostalxia, baile e esa enerxía tan característica dun xénero que nunca deixou de conectar coa xente.
Desde os primeiros minutos, o público respondeu como se aquelas cancións nunca se fosen. Os temas clásicos volveron soar con forza e a emoción de recoñecelos desde o primeiro segundo percorreu o recinto fronte ao Atlántico. “Ella no sigue modas”, “Rayos de sol” ou “Bailando por ahí” convertéronse en auténticos coros colectivos, demostrando que o electrolatino segue tan vivo como cando dominaba radios, festas e veráns interminables.
A memoria tamén se baila
Durante horas, Costa Feira recuperou o espírito dunha época na que a electrónica se mesturou cos ritmos latinos e o pop para crear un son inconfundible. Un estilo que marcou xeracións e que en Sanxenxo volveu demostrar a súa capacidade para unir ao público dentro e fóra da pista.
“O electrolatino ten algo único: con só uns segundos dunha canción, cada persoa lembra un lugar, unha noite ou un verán concreto. Queríamos traer esa memoria compartida e convertela nunha nova celebración”, explicou Diego Otero, cofundador de Costa Feira.
Un ciclo para revivir unha era
A xornada do 28 de xullo foi a primeira das catro citas consecutivas dedicadas ao electrolatino, unha proposta que tamén se estendeu a BULLA!, ampliando a experiencia do ciclo.
O electrolatino volverá a Costa Feira o 4 de agosto con Henry Méndez, Anthony & Yeigo, Marc Magán e DJ’s Electrolatino. O 11 de agosto será a quenda de Danny Romero, Mar Lucas e DJ’s Electrolatino, e o 18 de agosto Juan Magán regresará acompañado de Jay Santos para pechar esta viaxe musical.
Antes, o festival continuará coa súa programación habitual: Xavibo (30 de xullo), Casi Mestizo (31 de xullo) e Nicky Jam (3 de agosto). A partir de aí chegarán Delaossa, Loquillo, POP A FEIRA, Rusowsky, Taburete e Molan los 2000, nun mes no que convivirán estilos, xeracións e maneiras distintas de entender a música.

Debe estar conectado para enviar un comentario.