A tormenta non logra frear a XI edición do Ourensound Fest


O Ourensound Fest bate récord de público na súa nova ubicación en San Cibrao das Viñas.

Con un cartel moi sólido, a XI edición chegou de novo cun cambio de escenario, motivado principalmente pola enorme afluencia de xente, que non deixa de medrar ano tras ano. Hai que recoñecer que a nova localización foi un acerto por parte da organización: espazo amplo, boa distribución e comodidade para o público. Un novo espàzo o OurenKids foi un acerto para que os peques disfrutaran de xogos mentres os pais disfrutaban dos concertos.

A tarde do venres comezou cunha cola interminable na billeteira, un erro organizativo que deberán revisar de cara ás próximas edicións. A xente estaba moi molesta: moitos estaban perdendo a actuación de Carlos Ares, o encargado de inaugurar o escenario desta edición. Quizais non souberon prever o tirón que ten Carlos e a cantidade de seguidores que arrastra.

E, como era de esperar, nin el nin a súa banda defraudaron. O concerto xirou arredor do seu último traballo, En la boca del lobo, pero non faltaron éxitos como Peregrino ou Aquí todavía.

As pausas entre cambios de escenario quedaron nas mans de La Duendeneta e Mr. Kitos, que tiveron unha tarefa complicada cando a choiva fixo acto de presenza. Aínda así, salvaron a situación co bo facer que os caracteriza.

Despois chegou a quenda de Love of Lesbian. Xusto cando comezaron a tocar, os primeiros tronos asomaron e a tormenta entrou sen pedir permiso. Foi tan rápida e tan intensa que apenas houbo tempo para buscar abrigo. En poucos minutos estabamos todos calados ata os ósos. A banda tentou seguir; Balmes chegou a berrar “Queredes máis?”, pero a auga caía con tal forza que non lles quedou máis remedio que parar. A xente buscaba refuxio onde podía: baixo mesas, baixo tapas de colectores, incluso houbo quen improvisou un teito cunha valado.

Durante vinte minutos, o equipo do festival estivo achicando auga do escenario para poder continuar. E os Love of Lesbian volveron, convertendo o concerto nun momento memorable. “Grazas a todos os valentes e valentas que aguantastes a tormenta”, dixo Balmes. “É todo moi épico. Mañá iremos todos á farmacia, tomaremos algo e diremos: valeu a pena”. E así foi. Aínda resoa na miña cabeza todo o recinto coreando e movendo os brazos ao ritmo do Fantástico….

Despois chegou Iván Ferreiro, que acaba de iniciar a xira polos seus 35 anos na música cun repertorio que mestura temas da época de Los Piratas con outros éxitos da súa carreira en solitario.

A choiva volveu xusto antes de que Alcalá Norte saísen ao escenario, e este servidor decidiu que coa molladura da tarde xa tiña suficiente. Recollimos a mochila e deixámolo para o día seguinte.

O sábado foi un calco do venres: sol, calor e un recinto cheo de ganas. Abril abriron a tarde no escenario pequeno, onde tamén se montaba a mesa de DJs. O dúo formado por Claudia Abril e Marina Carpente presentou o seu coidado proxecto folk e o seu disco recén estreado, Medrar.

Chegou despois DD40, a xira que celebra o 40 aniversario de Duncan Dhu, e que nos encheu de nostalxia a todos os que vivimos os 80. Cien gaviotas, En algún lugar, Esos ojos negros, Una calle de París… un regreso directo a outra época, demostrando que hai cancións que nunca pasan de moda.

Logo foi a quenda de Marlon, a banda asturiana formada por Adrián Roma, Juan Fernández e Jorge Diéguez, que presentaron o seu novo álbum Hipersensible, xunto con éxitos como Olvidé olvidarte ou a súa versión de Voy a pasármelo bien.

L.A.M.O.D.A. tamén están de estrea con San Felices, e como sempre fixeron bailar a todo o mundo. Os burgaleses son expertos no que fan, e tamén no seu trato humano. Un dos momentos máis especiais foi cando convidaron ao pequeno Jacobo a subir ao escenario para cantar Los lobos con eles.

Despois chegarían Siloé e Niña Polaca, pero xusto antes de que os puceláns saísen ao escenario, a choiva volveu facer acto de presenza. E, igual que o día anterior, aproveitamos para marchar. A xente que aguantou conta que ambos grupos estiveron á altura.

Pechamos así unha nova edición dun festival que, malia algúns fallos organizativos, soubo resolver con oficio todos os problemas que xurdiron, especialmente os climatolóxicos. Agora só queda esperar que a XII edición veña igual de forte.

About The Author

Por Solirock

Descubre más desde Turismo Verde de Galicia

Suscríbete ahora para seguir leyendo y obtener acceso al archivo completo.

Seguir leyendo