O Sachaso Rock 2026 viviu unha noite histórica en Dena, onde unhas 5.000 persoas responderon á chamada dun festival que este ano estreaba recinto —o mesmo que acolleu O Son do Mar— e que se encheu desde as oito da tarde para recibir a unha das bandas máis lendarias do rock europeo.

Un arranque con Bala en estado de graza
A apertura correu a cargo de Bala, o dúo formado por Ánxela Baltar e Violeta Mosquera, que puxo o listón altísimo cunha actuación cargada de forza, compromiso e unha química que xa é marca da casa. Pecharon o seu concerto abrazadas e envoltas na bandeira de Palestina.

Expectación máxima antes da chegada de Europe
A medida que avanzaba a tarde, o recinto foi collendo temperatura. Había quen non daba creto: Europe, tan preto da casa. Seguidores que os viran varias veces e aseguraban que “nunca fallan”, e curiosos que chegaban coa idea de que “igual xa están maiores”. A realidade puxo a todos de acordo.
Europe, catro décadas despois, segue sendo Europe
Con máis de 60 anos ás costas, Joey Tempest, John Norum, John Levén, Mic Michaeli e Ian Haugland demostraron que a idade é só un número cando hai oficio, afición e unha banda que nunca foi unha moda. Xa non hai melenas con permanente, pero hai unha maquinaria perfectamente engrasada.
A noite abriu con On Broken Wings, aquela cara B de The Final Countdown cando os singles tiñan dúas vidas. Despois chegou Rock the Night, e así, entre clásicos, temas máis recentes e algunha pincelada do seu próximo disco —que verá a luz en setembro—, Europe foi construíndo un concerto que medrou en intensidade ata o final.

Joey Tempest, mestre de cerimonias
Tempest gañou ao público desde o primeiro segundo: “Sachaso Rock! Como estás, Dena? Campións do mundo!”, berrou en perfecto castelán, seguido de varios “Viva Galicia!” que fixeron estalar o recinto.
O vocalista converteu o pé de micro nun molinillo, xogou co micrófono como se fose parte do corpo e liderou unha banda que, catro décadas despois, segue demostrando que quen tivo, retivo.
Durante hora e media, Europe repasou os seus grandes éxitos e presentou temas do seu novo disco, Come This Madness, que verá a luz o 25 de setembro.

Un final á altura da historia
Tras os bises, o recinto de Dena caeu ao completo con Cherokee e, por suposto, The Final Countdown, un peche que fixo vibrar o festival e que confirmou que a sétima edición do Sachaso Rock foi un éxito rotundo.
Europe non só tocou en Dena: fixo historia.

Debe estar conectado para enviar un comentario.