A Coruña “Aúlla” ao ritmo que marcan Fito & Fitipaldis

Outra gran noite de rock & roll vivíuse este fin de semana no Coliseum da Coruña, e o ritmo púxoo esta vez Fito Cabrales co seu inconfundible estilo e cun repertorio no que o bilbaíno fixo un percorrido pola súa discografía.


Acompañado dunha banda impresionante encabezada polo gran Carlos Raya, con ‘Boli’ Climent, Diego Galaz, Javier Alzola, Coki Giménez e Jorge Arribas, Fito arrancou a noite detrás dun pano no que destacaban un círculo e as siluetas da banda e do propio artista, mentres de fondo soaba “A contraluz”. Así comezaba a tolemia dun Coliseum ateigado ata a bandeira e demostrando desde o primeiro acorde que a comuñón co artista ía ser total.
Con “Un buen castigo” a banda deixou xa unha clara declaración de intencións, para seguir con “Por la boca vive el pez”. Chegaron os riffs, os berros, os saltos e a colección de grandes temas: “A quemarropa”, “Entre la espada y la pared”, “Volverá el espanto”, “Como un ataúd”, “Cielo hermético”, para ir pouco a pouco achegándose ao cumio da noite cos máis clásicos.
O principio do final marcouno “La casa por el tejado”, onde ao rematar Fito regalounos un «Sodes fantásticos, créoo de verdade, por iso imos cantar esta puta canción toda a vida». Por suposto, esa canción non era outra que “Soldadito marinero”, na que todo o Coliseum ao unísono cantou cada unha das notas e na que, mentres o público non deixaba de repetir o seu retrouso, a banda foi abandonando pouco a pouco o escenario para facer a pausa antes dos bises. Un tempo no que todo o mundo seguiu cantando aínda sen a banda enriba do escenario.
Os bises arrancaron con “La noche más perfecta” e non imos negar que o era, e máis cando xusto despois nos regalaron “Entre dos mares” de Platero y Tú, para rematar ao grande con “Antes de que cuente Diez” e pechar de dez unha noite inesquecible sen dúbida.

Por Solirock

Deja una respuesta

Descubre más desde Turismo Verde de Galicia

Suscríbete ahora para seguir leyendo y obtener acceso al archivo completo.

Seguir leyendo