OUR FEST 2026 revela os horarios dunha edición que percorre máis de catro décadas de música alternativa

OUR FEST xa ten mapa horario para a súa quinta edición, unha xornada deseñada para vivirse de principio a fin, sen solapamentos e cun relato musical que conecta escenas, xeracións e maneiras distintas de entender o directo. O festival celebrarase o sábado 19 de setembro en Expourense, nunha cita que conta co apoio da Xunta de Galicia a través da Axencia Turismo de Galicia, no marco dos Concertos do Xacobeo.

As entradas continúan dispoñibles en ourfest.gal e ataquilla.com, cun prezo de 40 euros + gastos de xestión.

Unha única xornada, seis concertos e unha liña narrativa que une estilos e épocas

As portas de Expourense abriranse ás 17:00 horas e, media hora despois, comezará unha programación pensada para avanzar sen interrupcións. O festival propón un percorrido que vai da precisión melódica ao electro-punk, pasando polo indie estatal, o Paisley Underground, o garaxe psicodélico e o legado do rock alternativo británico.

17:30 – Germán Salto

O músico madrileño inaugurará a xornada cun repertorio que mestura pop orquestral, power pop e tradición americana. Chega coa etapa aberta por Ojo de bife, un disco producido por Ricky Falkner que recupera a banda como centro da gravación e devolve a Salto a un son máis directo e orgánico.

Durante os cambios de escenario, Albert Petit DJ manterá o ritmo cunha selección que irá da música negra ao punk, power pop e sons de guitarras.

18:45 – Triángulo de Amor Bizarro

A banda galega presentará Mi Catedral, o seu sétimo álbum e o primeiro como trío. Un directo que confirma a súa capacidade para reinventarse sen perder identidade, nunha obra que leva máis de dúas décadas avanzando cara a territorios novos.

20:15 – The Dream Syndicate

A súa única actuación en España este ano. Steve Wynn e compañía conectarán Expourense co Paisley Underground de Los Ángeles, recuperando unha historia esencial para entender o indie rock estadounidense. Un concerto que promete tensión, liberdade e guitarras fóra de calquera límite.

21:45 – The Mystery Lights

Nados en California e asentados en Nova Iork, traerán ao escenario a súa mestura de garaxe punk, psicodelia e espírito underground. Un directo case sen pausas, sostido pola presenza imprevisible de Michael Brandon e pola enerxía de Purgatory, o seu traballo máis recente.

23:15 – The Jesus and Mary Chain

Catro décadas despois de transformar a distorsión e o feedback nunha linguaxe propia, os irmáns Reid continúan sendo unha referencia absoluta do rock alternativo. Clásicos como Just Like Honey, April Skies ou Head On convivirán co presente creativo da banda, marcado por Glasgow Eyes, o seu oitavo álbum, gravado no Castle of Doom de Mogwai.

01:00 – Fat Dog

A banda londiniense pechará a noite coa súa primeira actuación en Galicia. Electro-punk, rock, techno e cultura rave nun espectáculo que borra a fronteira entre concerto e pista de baile. Un dos directos máis comentados da nova escena británica, agora en Expourense.

Un festival cunha identidade propia e unha vocación clara

Cinco edicións despois, OUR FEST mantén a súa esencia: unha única xornada, un recinto cuberto e unha programación coidada que achega a Galicia propostas internacionais e nacionais que non sempre atopan espazo nos circuítos habituais. Co apoio da Deputación de Ourense desde a primeira edición, o festival continúa traballando para situar a cidade no mapa das grandes xiras.

Por Solirock

Descubre más desde Turismo Verde de Galicia

Suscríbete ahora para seguir leyendo y obtener acceso al archivo completo.

Seguir leyendo