A segunda edición do Festival Jaleo! non puido saír mellor: cartel de sold out, ambienteazo e a sensación clara de que o evento xa é unha parada fixa no calendario musical galego.

A tarde abriu con De Ninghures, que montaron unha auténtica feira desde o primeiro acorde. O seu son tradicional, a gaita marcando territorio e esa conexión inmediata co público fixeron que o arranque fose unha festa. Eles mesmos o deixaron claro: “Queremos feirón, vimos de facer moitas feiras”. E cumpriron, consolidándose como unha das bandas imprescindibles do momento.

Tras unha pausa animada por Señora DJ, que mantivo o corpo quente a base de hits actuais e moito talento galego, chegou a quenda de Sidonie. Os cataláns son garantía de bo rollo e aquí non foi diferente. O repertorio, aínda que curto polos tempos do festival, estivo cheo de clásicos e dous temas do seu último disco Catalán Graffiti, con guiños constantes a Galicia. E, como non, o paseo de Marc a ombros polo medio do público, repartindo sorrisos como quen reparte caramelos.

Outra pausa para picar algo nos food trucks e preparar o corpo para o que viña: Ojete Calor. A súa actuación dividiu opinións, pero o que é innegable é que puxeron o calor que faltaba. Provocación, humor absurdo e cero filtros. Desde o primeiro minuto deixaron claro o seu xogo: “No estamos contentos de estar aquí, creíamos que íbamos a Vigo… Vigo si que es bonito”, “Que catedral más fea teneis”. Areces e Gómez non enganan: o seu é un espectáculo total onde a música é só unha das ferramentas para montar a festa. E funcionou. “Mocatriz”, “Viejoven” e, sobre todo, “Agapimú” fixeron cantar ata ao persoal de seguridade.

Despois chegou a calma elegante de Xoel López. Sen artificios, sen grandes escenografías: O seu traxe impecable e unha colección de himnos que todo o mundo coreou. “Lodo”, “Ningún, hombre, ningún lugar”, “Tigre de bengala” ou “Mágica y eterna” soaron enormes. Tamén houbo espazo para presentar tres temas do seu novo disco, recén saído o 17 de abril: Sombras chinas, Cupido e Campos de Castilla para siempre.

O peche quedou en mans de Ultraligera, probablemente o grupo máis en boca de todos nos últimos meses. Os madrileños chegaron con Lapsus baixo o brazo e cunha lexión de fans ocupando as primeiras filas desde primeira hora. O directo foi potente, sólido e confirmou que son unha banda a ter moi en conta. Un final perfecto para un festival que demostra que en Galicia tamén sabemos montar festóns fóra do verán.

Debe estar conectado para enviar un comentario.