O ciclo Novos Pulsos abriu esta mañá a súa nova etapa de outono cun anuncio que confirma o seu papel como plataforma clave para a música emerxente en Galicia. A presentación tivo lugar na Fábrica de Chocolate Club de Vigo, un espazo simbólico para a escena independente, onde se deron a coñecer as datas e artistas que protagonizarán os próximos meses.
A iniciativa, organizada por Esmerarte Industrias Creativas e financiada pola Xunta de Galicia a través de AGADIC, reivindica unha vez máis a importancia das salas de concertos como motor creativo e como punto de encontro entre artistas e público.
Un ciclo que aposta pola diversidade e polos novos proxectos
Na rolda de prensa, Óscar Durán (“Uka”), responsable de booking en Esmerarte, destacou o momento de efervescencia que vive a música galega:
“Galicia conta cunha escena especialmente rica en novas propostas. É responsabilidade das empresas do sector contribuír a que medren e cheguen a novos públicos”.
Pola súa banda, Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais, apelou ao compromiso do público:
“A mellor maneira de presumir da cultura galega é apoiándoa. Ir aos concertos é fundamental para que a escena siga avanzando”.
Seis cidades, oito artistas e unha nova xeración en movemento
Tras unha primavera na que pasaron polo ciclo Vatapá Quinteto, PortoSanto e Capital Voskov, Novos Pulsos retoma a actividade cunha programación que percorre seis localidades e que reúne proxectos que representan a diversidade da nova escena galega e estatal.
Programación de outono
- 11 de setembro – Taïn Riquela Club · Santiago de Compostela
- 16 de outubro – Carla Lourdes & Javier Lago A Arca da Noe · Ourense
- 30 de outubro – 9Louro & Taïn A Cofradía Cultural · Vilanova de Arousa
- 7 de novembro – Cora Yako La Fábrica de Chocolate Club · Vigo
- 20 de novembro – Camellos A Pousada da Galiza Imaxinaria · Boiro
- 20 de novembro – Montedapena & Hermanos Visi Sala Jagger · Lugo
As entradas están dispoñibles en ataquilla.com.
Un ciclo que consolida o seu papel na escena galega
Novos Pulsos naceu para dar visibilidade a unha nova xeración de artistas e para favorecer a circulación dos seus proxectos por diferentes puntos de Galicia. Co paso das edicións, converteuse nun espazo fundamental para descubrir propostas que están a redefinir o panorama musical galego, sempre desde a proximidade e co apoio ás salas como espazos de creación e resistencia cultural.
Este outono, o ciclo reafirma esa misión cun cartel que combina frescura, identidade e unha aposta clara polo futuro da música feita en Galicia.

Debe estar conectado para enviar un comentario.