Vilaxoán vibra co Festival Revenidas 2025: música, cultura e resistencia baixo a chuvia

Vilaxoán volveu converterse no epicentro da música alternativa e da cultura galega coa celebración do Festival Revenidas 2025, que durante catro días reuniu a máis de 25.000 persoas nun ambiente festivo, reivindicativo e resistente ás inclemencias do tempo. A pesar da chuvia persistente, o público respondeu con entusiasmo, consolidando unha vez máis este evento como un dos referentes do panorama musical galego.


Un cartel potente e diverso
A edición deste ano destacou por unha programación que combinou lendas do rock, propostas emerxentes e sons internacionais. Hugo Guezeta, que presentou o seu disco “O Noso Tempo”, Fermín Muguruza ofreceu un directo inesquecible, Riot Propaganda regresou coa súa mensaxe incendiaria, e bandas como The Rapants, Dubioza Kolectiv, Buhos, Galician Army e The Baboon Show mantiveron a enerxía ao máximo.


Xoves 11 de setembro: Apertura con enerxía emerxente


O xoves arrancou con forza grazas ao directo de Hugo Guezeta, que presentou o seu disco “O Noso Tempo”, seguido polas neozelandesas Dick Move, que sorprenderon co seu punk feminista e actitude arrolladora.


The Rapants, que seguen consolidándose como unha das bandas galegas máis queridas, continúan na súa liña de facer mover o esqueleto a todo o mundo, seguidos da garra e da enerxía da banda sueca The Baboon Show, a entrega de Cecilia Boström sobre o escenario é tal que o escenario Vibra Mahou quedoulle pequeno xa desde a primeira canción.


Tras unha pequena pausa na que a Duendeneta non deixou que baixase en ningún momento o listón que tan alto deixara a banda sueca, seguimos a tope cos bosníacos Dubioza Kolektiv, que volveron un ano máis a Vilaxoán facendo como sempre as delicias de todo o mundo co seu espectáculo divertido e que invita a bailar sen parar.


Sanguijuelas del Guadiana deixaron claro por que son unha das bandas do momento cun bo concerto, seguidos de Buhos e para pechar o día con Galician Army.


Venres 12 de setembro: Explosión de música e reivindicación


A segunda xornada tocoulle abrila a Seitura, unha banda de punk formada no Val Miñor que paso a paso, como as formigas, van avanzando forte e con garra no panorama galego. Tocoulles a difícil tarefa de abrir a tarde moi cedo, pero un gran grupo de fieis estaba apostado diante do escenario Galicia para arroupar á banda e corear cada un dos seus temas. Destacou a súa versión da canción de Sés, Tempestades de Sal, que a propia artista destacou no seu concerto. Concertazo.


A J Martina tocoulle despois no escenario Vibra Mahou, un grupo navarro-bizcaíno de pop electrónico que utiliza o éuscaro nas súas cancións, demostrando unha vez máis que o idioma non está renido coa música e coa apertura de fronteiras.
María Xosé Silvar, a temperamental e tan reivindicativa cantautora coruñesa, volveu demostrar unha vez máis o seu espírito reivindicativo e o seu amor pola música e pola terra. No momento da súa actuación o recinto estaba practicamente cheo, con todo o mundo cantando e bailando as súas cancións que son himnos no cancioneiro popular galego.


Les Testarudes, a banda catalá de ska, rocksteady e reggae formada integramente por mulleres, veu encher de baile Vilaxoán. Era imposible estar dentro do recinto sen estar movendo os pés cos ritmos destas rapazas.
E chegou un dos momentos máis agardados do festival, o concerto de Fermín Muguruza, que ofreceu un show cargado de forza política e emoción. O de Irún, que está a celebrar o seu 40 aniversario na estrada cunha gran xira que o levou practicamente a todas as cidades do país, deixounos un concerto inesquecible cun público que soubo estar á altura do artista.


Deixounos momentos inesquecibles e grandes colaboracións con J Martina, con Jásper (Loita Amada) en “Zu Atrapatu Arte”, con Sés en “Gora Herria” e con Les Testarudes en “Sarri, Sarri”.
Sons of Aguirre & Scila non deixaron que baixase o nivel, nin de intensidade nin de reivindicación. Baiuca desatou novamente o baile e o canto con outro dos directos máis interesantes desta edición e Svetlana puxo o broche a un día moi intenso.


Sábado 28 de setembro: Tradición baixo a chuvia e despedidas emotivas


A Filloas tocoulle a difícil labor de arrancar un longo sábado, coa dificultade do tarde que acabou o festival na noite do venres, para seguir con Lendakaris Muertos. Aos de Pamplona tocoulles un horario moi pouco habitual para eles, pero que non por iso deixaron de facer o que fan sempre: provocar e rir de todo o mundo organizando unha gran festa no recinto de Vilaxoán.
Tras unha pequena pausa que como sempre e de luxo amenizou a Duendeneta, volvemos á carga con Monoulious Dop. Esta vez a banda saíu co formato reducido onde Ula, Mon e Beny tocaron en trío en formato eléctrico, pero que non deixan de ser como sempre, tan irreverentes e divertidos, que non deixan indiferente a ninguén. Miles de persoas bailando, saltando, agachándose, movéndose á dereita e á esquerda, adiante, atrás, todo o que Ula lle pedise. Dominan á masa ao seu antollo con esas letras cachondas e o seu carisma enriba do escenario.


Mondra estaba agardando por nós no escenario principal para ofrecernos o seu novo espectáculo. Como xa nos viña ensinando a cada paso que dá, un espectáculo moi medido, cheo de coreografías moi coidadas onde se xuntan a modernidade e a tradición.
Cambiamos outra vez para o escenario Vibra Mahou, onde os andaluces F.R.A.C. déronnos mostras do seu rap combativo e satírico, onde prima sobre todo a denuncia social.
Dakidarría volveron levarnos ao escenario Galicia co recinto practicamente a rebordar para poñer a todo o mundo a gritar. Sempre combativos pero con eses ritmos tan pegadizos puxeron patas arriba o recinto de Vilaxoán. A chuvia empezaba a aparecer pero ninguén quería deixar de saltar e bailar cos rapaces do Val Miñor.


E volvemos ao outro escenario, esta vez da man de Bewis de la Rosa e o seu rap rural. Desde o primeiro momento víase ás claras cal é o seu estilo dentro da escena urbana, un estilo que engancha ao público desde o primeiro momento e lévate da man durante todo o concerto. Destacar a aparición da súa amiga Catuxa Salom no escenario para cantar xuntas “Te quedaste fuera”.
Heredeiros da Crus volveron demostrar por que son unha banda referente no noso país e por que os anos non pasan por eles nin polas súas cancións. Seguen coa mesma enerxía no escenario e con esas pingas de humor e retranca que tantos bos momentos nos levan dados. A chuvia cada vez máis intensa non era suficiente para que a xente deixase de corear as súas cancións como himnos ou que Toñito de Poi bautizase no rock&roll a un mozo do público. Son mestres no seu, saben o que todos esperamos e non dubidan en demostralo.
Tras outro pequeno parón no que algúns aproveitaron para coller forza e a maioría para non perder o subidón coa compañía da Duendeneta, que ben saben como facelo, tocoulle a quenda aos asturianos Onza, un proxecto no que destaca Pepo, ex membro de Desakato, e mostra a garra e a forza de sempre.
E chegou outro dos momentos máis agardados no festival, o regreso de Riot Propaganda. A súa subida ao escenario coincidiu cos peores momentos climatolóxicos, pero iso non serviu para que os valencianos amosasen o seu espírito combativo e onde un estoico público cantou cada unha das súas proclamas.
Despois La Élite tomou o relevo cando o temporal arreciaba e os ánimos estaban máis no alto e eles non deixaron que decaese en ningún momento. Despois La Fúmiga puxo a todo o mundo a bailar e deron paso ao portugués Omiri para que despois da súa actuación a Yaya DJ puxese por todo o alto o fin de festa.
A cancelación das actividades previstas para o domingo pola tarde e noite fixo que non puxésemos un punto final ao festival. AS Revenidas recuperará a Gala de Circo Solidaria e o concerto cancelado noutra data, que será anunciada en canto estea programada.

About The Author

Por Solirock

Deja una respuesta

Descubre más desde Turismo Verde de Galicia

Suscríbete ahora para seguir leyendo y obtener acceso al archivo completo.

Seguir leyendo