O pasado sábado 21 de Xuño a Sala Rebullón acolleu un dos concertos máis especiais da tempada: a banda gaditana Saurom ofrecía un espectáculo en acústico que quedará gravado na memoria dos asistentes. Un encontro íntimo e familiar, propiciado tanto pola propia configuración da sala —que favorece esa proximidade entre público e músicos— coma pola actitude calorosa e cómplice da banda, que non deixou de interactuar cos presentes, compartindo sorrisos, palabras de agarimo e moita enerxía.

Este concerto formaba parte da xira “El Principito”, e era un dos dous únicos concertos en acústico programados por Saurom en toda España, xunto co que tivo lugar anteriormente en Sevilla. A súa exclusividade fixo que esta cita musical adquirise un carácter case máxico.
Dende os primeiros acordes, o público entregouse por completo, e a música inundou As Pedriñas de sons que evocaban o noso pasado celta. As guitarras, o violín, as frautas e outros instrumentos entrelazábanse en harmonías folk que nos transportaban a un mundo de fantasía e nostalxia, tan característico do universo sonoro da banda.

A Sala Rebullón volveu amosar por que é un referente para a música en directo na contorna. O seu son impecable e a dedicación da xente da asociación deixaron constancia, unha vez máis, da calidade organizativa e do agarimo co que se acolle cada evento. É un lugar que, sen dúbida, convida a gozar da boa música… e da mellor compañía.
O concerto, no seu conxunto, foi unha auténtica xoia. O formato acústico encaixaba á perfección co espírito do local, e o repertorio estivo sabiamente dividido en dúas partes: unha primeira máis íntima e emotiva, e outra máis festiva e animada, onde ninguén ficou sen moverse ou cantar. A conexión entre Saurom e o público foi total.

A unión entre La Rebullón e Saurom transcendeu o musical. Non só escoitamos cancións: sentiámolas profundamente. E iso é algo que só se consegue cando a música se comparte desde o corazón.