Sabina despídese de Galicia cun dobre sold out no Coliseum da Coruña

A xira de despedida de Joaquín Sabina, titulada Hola y adiós, fixo parada esta semana na cidade da Coruña, onde o artista andaluz ofreceu dous concertos consecutivos ante un Coliseum completamente cheo. O primeiro, celebrado o xoves, foi o “ola”; o segundo, o sábado, o “adeus”. Un adeus que ningún sabinista quixo perder, consciente de que esta xira é un capítulo irrepetible na historia da música en español.


O espectáculo arrincou cun vídeo de El último vals, que serviu de preludio melancólico mentres a banda tomaba posicións e Sabina accedía ao escenario entre unha ovación atronadora. A emoción era palpable: comezaba a despedida.


Con Lágrimas de mármol rompeuse o silencio inicial e os primeiros coros da noite fixéronse sentir. “Boas noites, Coruña. Boas noites, miña terra galega”, saudou o artista, antes de interpretar temas como Lo niego todo e Mentiras piadosas. “Sodes os que mellor cantades”, comentou con humor, recoñecendo a afinación do público galego.
Durante o concerto, Sabina percorreu os grandes éxitos da súa carreira: Calle Melancolía, Peces de ciudad, La Magdalena, Bulevar de los sueños rotos e Donde habita el olvido, onde a voz de Mara Barros brillou especialmente en Y sin embargo, conquistando ao público coa súa interpretación coplera.
Antonio García de Diego acompañou ao artista en La canción más hermosa del mundo, e non faltaron clásicos como Tan joven y tan viejo, Contigo, Princesa e Noches de boda, que fixeron cantar ao público ata ben entrada a noite.


Foi unha velada especial, na que Sabina volveu regalarse á súa audiencia galega e, como xa é tradición, roubou o mes de abril… aínda que estivese en setembro.

About The Author

Por Solirock

Deja una respuesta

Descubre más desde Turismo Verde de Galicia

Suscríbete ahora para seguir leyendo y obtener acceso al archivo completo.

Seguir leyendo