Joaquín Sabina di adeus aos grandes escenarios cunha xira que o traerá ao Coliseum da Coruña os días 18 e 20 de setembro de 2025. Serán os únicos concertos en Galicia, dentro do ciclo Coruña Sounds. As entradas saen á venda o luns 21 de outubro de 2024 ás 12:00, en holayadioslagira.es e jsabina.com, con prezos entre 57 e 135 euros (máis gastos).

Con 75 anos e máis de medio século de carreira ás costas, Sabina quere regalar ao público unha última oportunidade de escoitalo en directo. A xira, chamada Hola y adiós, arranca o 1 de maio en Gran Canaria e pasará por 16 cidades. Non descarta volver a escenarios pequenos, pero esta será a súa despedida dos grandes recintos.

O artista acompaña a xira cun novo tema, El Último Vals, coas colaboracións de Leiva e Benjamín Prado. Sabina mantén o seu estilo canalla e poético, cun toque irónico para dicir adeus.
Se queres velo antes de que colgue o sombreiro, esta é a túa.