Motos, himnos e clásicos: así estoupou a primeira edición de ExpoRock

ExpoRock estreouse en A Coruña cunha xornada que mesturou motos, clásicos do rock estatal e un público entregado. Máis de 4.500 persoas pasaron por ExpoCoruña para vivir unha primeira edición que deixou claro que o rock non só non morreu, senón que segue a mover masas. Agoraphobia, Talco, Ciclonautas, El Drogas, M-Clan, Soziedad Alkoholika e Obús puxeron banda sonora a un día que promete marcar o inicio dun festival chamado a quedar.

ExpoCoruña converteuse o pasado 14 de marzo no epicentro do rock estatal coa segunda gran cita musical do ano. Un cartel cheo de nomes recoñecidos da escena nacional deixou claro que, por moito que cambien as tendencias, o rock segue a mover xente e paixón a esgalla.


A xornada arrancou forte: máis de cen motos Harley-Davidson tomaron a Torre de Hércules antes de desfilar cara ao recinto, onde quedaron expostas entre food trucks e postos de roupa e complementos rockeiros. Un ambiente perfecto para ir quentando motores.


A primeira descarga musical chegou da man das boirenses Agoraphobia, que presentaron Kamikaze con esa enerxía tan súa. Despois tocou o turno de Talco, mestura explosiva de punk e ska que en Galicia sempre xoga na casa. “Bella Ciao”, “Dalla pallida Miró” ou a inevitable “Danza dell’autunno rosa” puxeron o público a cantar coma se non houbese mañá.


Tras un pequeno descanso, ás 18:30 regresou a tralla con Ciclonautas. A banda liderada polo arxentino Mai Medina soltou rock puro e sen filtros, con temas como “El animal”, “Mi estupidez”, “Qué tal?” ou “Bienvenidos los muertos”, que fixeron vibrar a todo o recinto.


E entón chegou El Drogas. Incombustible, eléctrico e coa garra de sempre. Desde que pisou o escenario foi un non parar: rock and roll a toda máquina, sen pausas e co público berrando cada verso coma un coro perfectamente ensaiado. Só se permitiu un comentario entre canción e canción: “había ganas de comer pola zona e de suar”. Nada máis que engadir.


A continuación subiron ao escenario M-Clan, un dos pratos fortes do festival. Tarque e Ruipérez repasaron todos os seus himnos —“Miedo”, “Carolina”, “Llamando a la tierra”— nun concerto sólido e cheo de oficio. Iso si, o listón que deixara El Drogas era tan alto que a sensación final foi que, aínda brillando, non chegaron a igualar aquela descarga.


O relevo chegou con Soziedad Alkoholika, que puxeron o recinto patas arriba con lume, agresividade e clásicos como “Alienado”, “Polvo en los ojos”, “Política del miedo”, “Ratas” ou “S.H.A.K.T.A.L.E”. Unha auténtica muralla sonora.


A noite pechouna Obús, demostrando que hai lendas que non perden forza nin co paso das décadas. Fortu, aos seus case 72 anos, segue sendo un frontman de manual. “Necesito más”, “La raya”, “El que más”, “Dinero, dinero”, “Va a estallar el Obús” e a inevitable “Vamos muy bien” puxeron o broche perfecto a unha xornada que mesturou nostalxia, festa e moito rock.


A primeira edición de ExpoRock reuniu máis de 4.500 persoas e superou con creces as expectativas. Se isto foi o comezo, todo apunta a que o festival chegou para quedar.

About The Author

Por Solirock

Descubre más desde Turismo Verde de Galicia

Suscríbete ahora para seguir leyendo y obtener acceso al archivo completo.

Seguir leyendo