Do britpop á nova música galega: os Concertos do Marisco 2026 despregan unha programación diversa no marco da 63ª Festa do Marisco do Grove

O Grove xa ten banda sonora para este outubro. A 63ª Festa do Marisco, que se celebrará do 1 ao 12 de outubro, volverá contar cun dos seus grandes reclamos: os Concertos do Marisco, un ciclo de acceso gratuíto que este ano reúne 17 propostas e que combina figuras internacionais, artistas estatais en plena actualidade, voces fundamentais da música galega e proxectos vencellados á vila.

O cartel está encabezado por Ocean Colour Scene, Dorian, Carlos Sadness e Sés, nunha edición que percorre máis de tres décadas de música e que aposta por unha convivencia natural entre estilos, xeracións e linguaxes.

Un percorrido musical que une escenas e xeracións

A programación deste 2026 traza unha viaxe que vai do britpop dos noventa á música urbana en galego, pasando polo pop electrónico, o rock de raíz, a tradición e as sesións de DJs. Un ciclo pensado para públicos diversos e para achegar ao Grove algúns dos proxectos que están a marcar a actualidade musical deste ano.

Programación día a día

Xoves 1 de outubro – Os Firrás

A formación do Grove abrirá o ciclo cun repertorio de música popular e cancións ligadas á memoria colectiva.

Venres 2 – 9Louro + DJOW

O rapeiro de Muros presentará Amorrer, o seu segundo disco, unha viaxe emocional a través do trap, a electrónica e os ritmos bailables.

Sábado 3 – Ocean Colour Scene + Nanein DJ

Primeiro gran encontro internacional. A banda de Birmingham celebra o 30º aniversario de Moseley Shoals, un dos discos esenciais do britpop.

Domingo 4 – Sés + Cinco en Zocas

Protagonismo galego absoluto. Sés presentará Nadando na incerteza e Cinco en Zocas levarán ao escenario a tradición pandeireteira do Grove.

Luns 5 – @ de Viño

Proxecto local cunha proposta que mestura música popular e novas sensibilidades.

Martes 6 – David Chiquillo e Lote

Dúas formacións vencelladas á vila que continúan renovando a escena local.

Mércores 7 – A Banda do Sequío

Mestura de música popular, rock, versións e retranca. Un clásico da programación.

Xoves 8 – Caballito

Peche do bloque dedicado ás formacións do Grove.

Venres 9 – Sanguijuelas del Guadiana + Fla-Meco

Unha das bandas revelación do ano. Revolá valeulles os premios a Mellor Novo Artista da Academia da Música de España e Mellor Artista Emerxente nos MIN.

Sábado 10 – Carlos Sadness + Manu TF DJ

O músico catalán traerá ao Grove o seu universo de pop luminoso e melodías tropicais, nunha xornada marcada pola nostalxia dos primeiros festivais.

Domingo 11 – Dorian + Freshkiños

A banda barcelonesa presentará Futuros imposibles, un dos discos máis persoais da súa carreira, sen esquecer os himnos que a converteron nunha referencia do pop electrónico estatal.

Un ciclo gratuíto que reforza a identidade cultural do Grove

Os Concertos do Marisco, organizados polo Concello do Grove e coa dirección artística de i-radia Crea, contan coa colaboración de Mahou e consolidan o seu papel como parte central da experiencia cultural, gastronómica e turística da Festa do Marisco. Tras reunir preto de 40.000 persoas en 2025, o ciclo regresa cun cartel que combina nomes recoñecibles, artistas en plena actualidade e unha presenza destacada da música galega e local.

Por Solirock

Descubre más desde Turismo Verde de Galicia

Suscríbete ahora para seguir leyendo y obtener acceso al archivo completo.

Seguir leyendo