Amaral volve conquistar A Coruña cun concerto cheo de emoción

O pasado sábado Amaral regresou a A Coruña, unha cidade á que o dúo lle ten un cariño especial e que sempre lles responde coa mesma intensidade. Foi unha noite marcada pola emoción, con Eva visiblemente tocada en varios momentos e agradecendo unha e outra vez o agarimo do público coruñés e galego. Na enorme pantalla do escenario sucedéronse imaxes da nosa terra, inspiración —como contou a propia Eva— para o seu último disco, Dolce Vita.


O concerto abriu cunha intro audiovisual que deu paso á banda para arrancar precisamente con Dolce Vita, tema que dá nome ao álbum e á xira. O grupo interpretou o disco completo, mesturándoo cos grandes éxitos da súa carreira para converter a noite nunha celebración da vida e da alegría compartida.


Co impecable son da banda e coa voz poderosa de Eva, apoiada pola guitarra de Juan, os temas foron fluíndo nun espectáculo dividido en tres bloques. No primeiro soaron clásicos como Toda la noche en la calle, Libre, Resurrección ou Días de verano.

Un dos momentos máis especiais chegou con Tardes, cando Juan tomou o centro do escenario para agradecer o apoio recibido nos días nos que a saúde non o acompañou. O público respondeu cunha longa ovación que o deixou visiblemente emocionado.


Outro instante destacado foi a proxección dun vídeo de Víctor Jara interpretando Te recuerdo Amanda, cedido pola fundación do artista. Serviu de preludio para Podría haber sido yo, que Eva dedicou ao cantautor chileno, vítima da ditadura de Pinochet. “Ojalá nadie tengaa que sufrir lo mismo”, dixo.


Tamén houbo lembranza para Galicia con Los demonios de fuego, dedicada a todas as persoas que loitaron contra os incendios do pasado verán, unha realidade que Eva viviu de preto.


A segunda parte abriu cun guiño moi especial ao público coruñés: unha versión acústica de Riazor, tema que —segundo contou Eva— levaban máis de vinte anos sen tocar. A emoción percorreu o Coliseum antes de enlazar con Sin ti no soy nada. Nesta sección tamén soaron No lo entiendo, Hacia lo salvaje ou Revolución.


A recta final chegou con Pájaros e Salir corriendo, dedicada ás mulleres que sofren violencia machista, mentres na pantalla se proxectaban imaxes da atleta viguesa Ester Navarrete, campioa de España de maratón. O peche foi unha festa con Marta, Guille y los demás, El universo sobre mí e Ahí estás.


“Moitas grazas, Coruña! Viva la Dolce Vita!”, despediu Eva, poñendo fin a unha noite chea de música, emoción e complicidade.

About The Author

Por Solirock

Descubre más desde Turismo Verde de Galicia

Suscríbete ahora para seguir leyendo y obtener acceso al archivo completo.

Seguir leyendo