- O Concello de O Grove e a promotora i-Radia Crea anuncian a banda que completa unha proposta de máis dunha vintena de artistas entre os que se atopan Delaporte, Ariel Rot, The Rapants ou Carlangas y los cubatas con gran presencia de bandas locais
- Concertos do Marisco terá lugar entre o 3 e o 12 de outubro na Praza do Corgo de O Grove, con todos os concertos de balde
La Pegatina é a banda que pecha o cartel de Concertos do Marisco 2024. Unhas semanas despois de dar a coñecer a programaciónmusical que acompaña á Festa do Marisco o Concello de O Grove e a promotora i-Radia Crea dan a coñecer este último nome, que actuará o día 12 de outubro xunto ao grupo galego Terrae o o DJ Manu TF. Será un concerto moi especial para a banda catalana xa que é a última parada en Galicia da xira “Hasta luego Mari Carmen”, antes do parón de un ano que tomarán despois de máis de vinte anos sobre o palco.

La Pegatina é unha das bandas con máis traxectoria dentro da rumba catalana e o ska, cunha proposta animada que xa conquistou a miles de fans ao longo do mundo. Chegarán a O Grove antes de tomarse un descanso ata 2026 con temas como “Lloverá y lloveré” ou “Mari Carmen”.
Nesta edición de Concertos do Marisco pasarán pola Praza do Corgo de O Grove máis de vinte artistas, con concertos de balde todos os días da festa. Concertos do Marisco segue a súa liña de ser unha programación diversa e de calidade, dirixida para todos os públicos na que conviven grandes artistas nacionais e internacionais con novas bandas de gran proxección. Ademáis, destaca a gran presenza de grupos locais, con máis dunha decena de propostas.
Serán dúas bandas mecas as encargadas de abrir a festa o xoves 3 de outubro, Caballito e Freshkiños. O venres día 4 será a quenda de dous dos grupos galegos máis populares da actualidade, The Rapants e Mondra, con o dj Djow para pechar a festa.

Entre os grandes nomes de Concertos do Marisco atopamos ao dúo de música pop-electrónica Delaporte, que subirá ao palco o sábado 5, depois de Carlangas y los Cubatas. Serial Killerz, un dúo de dj que mesturan xéneros como o rock e a electrónica, tamén actuarán o sábado. Esa primeira fin de semana completarase o domingo 6 cos concertos das galegas Cinco en Zocas e Guadi Galego.
Durante a semana as bandas locais serán as encargadas de animar a Praza do Corgo. Pasarán polo palco o luns 7 Os Firrás e Arroba de Viño; o martes 8 Fla-Meco e o mércores 9 A Banda do Sequío. O xoves 10 tocarán Os Carismáticos e o grupo de rock valenciano Santero y los Muchachos.
A artista catalana Queralt Lahoz, unha das voces máis destacadas do panorama independente, tamén pasará polo palco de O Grove o venres 11, así como o músico arxentino Ariel Rot -coñecido por formar parte de bandas como Tequila ou Los Rodríguez-. Pechará a noite o dj Nanein.
Os Concertos do Marisco contan co apoio do «Plan de Recuperación, Transformación y Resilencia» financiado pola Unión Europea-Next Generetion UE e a Xunta de Galicia.